Gustaríanos convidarvos á exposición O cartelismo de Xosé Vizoso nas festas populares, na que mostramos unha selección dos carteis que Xosé Vizoso ten deseñado para as festas populares en distintas localidades de Galicia. Se mostramos tamén o cartel alternativo que Vizoso deseñou, dentro da temática desta mostra, para estas festas de María Pita 2017.

Esperámosvos para que veñades a desfrutar do seu traballo e a celebrar a figura deste artista galego que forma parte do noso patrimonio cultural.

O CARTELISMO DE XOSÉ VIZOSO NAS FESTAS POPULARES

…Os carteis de Vizoso van moito mas alá dun anuncio, da noticia dunha festa, da información de urxencia sobre un evento social ou cultural. Non son carteis para ver dun saque e seguir, senón pezas artísticas para contemplar con lecer, con delectación estética. Non son para persoas apuradas, senón para analizar con detalle con ollada inevitablemente admirativa.

Xose Neira Vilas

Fragmento do texto para o catalogo da exposición Xose Vizoso. Carteis 1970-2014)

 

XOSÉ VIZOSO DA FONTE VELLA DE MONDOÑEDO, NADO EN MIL NOVECENTOS cincuenta, en tempo e terras nas que os menciñeiros curaban doenzas falando, sen sangrados, e os corvos e merlos piaban en latín, segundo nos contaba Don Álvaro  o fillo de Don Xaquín Cunqueiro, o boticario.

Fornido, corpulento, gasta mostacho espeso húngaro, respiración rasgada e, no verán, sombreiro panamá. Góstalle a conversa franca, pausada e con matices; o viño tinto para se espallar e, de cando en vez, bota de menos un pito.

No bacheralato estimulouno na vocación artística o seu profesor e escultor valenciano Juan Puchades e, no ano 1968 foi dos primeiros alumnos que se integraron no Gabinete de Diseño da Fabrica de Sargadelos, seguindo as pegadas iniciadas por Seoane e Díaz Pardo. Anos que, segundo conta Andrés Varela, foron de ilusionado traballo, xa que estaba todo por facer, e ninguén poñía límites ás tarefas porque todos presentían, en maior ou menor grao, que estaban colaborando en algo importante para Galicia. Pero non vou a seguir espallándome na súa vida, que Vizoso xa ten biógrafos dabondo. 

Este demiurgo, home de talentos, está a levar unha prolífica traxectoria en caseque tódolos eidos do universo plástico (debuxo, escultura, cerámica, ilustracion, grafismo, cartelismo…) sempre caracterizada pola estilización das formas, unha moi persoal caligrafía e a profunda raigame na identidade e a cultura galegas. Os carteis de Vizoso contan historias, transmiten sensacións e estados de ánimo que convidan a participar nas xoldas das Queimadas, as San Lucas, Santa Minia, o San Roque… Agora vive en Brión de Arriba, nunha casa illada, doada para o seu cotío, argallando coma sempre nas funcións, nas formas, nos cores, nas texturas e nas mensaxes dos carteis das festas populares.

Jesús Montero

A Coruña, Agosto 2017