13/02 – 27/03/2020

Tintas e Acuarelas

Interésame moito  a tradición chinesa das paisaxes a tinta taoístas  pero intento lograr imaxes persoais , visións interiores que reflictan  o meu estado de ánimo. A miña pintura fundaméntase nas paisaxes  que quedan na memoria, na imaxinación pero sen utilizar a  perspectiva tridimensional  xa que por medio dos matices que a auga e a tinta producen,  os contrastes de luz e sombra e os espazos baleiros pódese lograr igualmente a profundidade  no espazo do cadro. A Luz  e a profundidade espacial son algunhas das cuestións que protagonizan as miñas investigacións na procura da representación da realidade na paisaxe utilizando as técnicas do Debuxo e da Pintura  que moitas veces son rexeitadas  dándoas por mortas  e ao contrario seguen a ser un medio valioso para expresar fondas emocións, sensacións e pensamentos. Volver á pintura é volver á intuición, ao xuízo estético, á sensibilidade, á beleza, ás inquietudes, ás emocións do home.

Utilizar as sombras para que desempeñen un papel principal no espazo da pintura deixando así de ser un simple procedemento pictórico para transformalas en árbores, ríos, xardíns, montañas ou treboadas e os espazos baleiros en misteriosa luz, recuperando dimensións da arte reprimidas por unha estética moderna de contemplación fría e na procura dunha visión espiritual da paisaxe.  A  icona budista: Shakyamuni unha vez imprimiu milagrosamente a súa propia «imaxe na sombra» nunha gruta dun cantil.

Como nos dí Gao Xingjian:  “Apartáchesche da composición das imaxes e das técnicas caligráficas da tinta tradicional pero non te separas do estado de ánimo. Ese estado mental do pintor no momento en que pinta…. impregnado de poesía, o estado de ánimo non se dirixe ao lirismo, reside máis ben na paisaxe para alcanzar o espírito”.

Xulio García Rivas