GEORGE RODEZ: SINTONÍA DE ESPERANZA

Algunhas tribos indias das pradeiras, tensaban peles con cordas dentro dun marco, para reter e aprehender os soños. Así fai George Rodez cos seus lenzos. Porque os soños esvaecen, son cousa efémera, fráxiles, vulnerables como a rosa, sutís coma o verso, corrómpense coa vixilia e cos anos. Os soños, tanto os da noite como os da vida, desaparecen, esvaéndose na brétema do que perdemos e do que esquecemos. Pasamos os años soñando unha vida e, cando espertamos, esta pasou e só resta ollar o pasado con nostalxia, comparando o vivido co que soñamos vivir e, malia isto, os soños nos afirman e definen. Álvaro Cunqueiro, dicía que o que nos diferenciaba das restantes especies animais do planeta era a capacidade de soñar. Dicíao el, que era un gran soñador de delicadas metáforas, de seres marabillosos, de viaxes fantásticas e de escondidos tesouros. Tamén el tentou aprehender os soños nos contos e novelas, reténdoos cos fíos das palabras.
Rodez, nas súas pinturas e debuxos, trata de apreixar un universo onírico confuso e caótico, converténdoo en formas, exorcizando as sombras que axexan e intimidan ao lles dar corpo, ao facelas palpables e visibles. The best sex in maiami find at dating-online-made-easy.
O seu é un mundo complexo, cadros nos que a textura e a cor adquiren significado, liñas que son como una percusión batendo na consciencia. Labirinto de arañeiras hostís que tratan de reducirnos, de confinarnos, como lle sucede a ese Ícaro que xa non voa ceibe, que non pode exercer o seu albedrío diante o risco e a aventura, porque está atrapado nos cordeis dun cometa, na persistencia de ollos que vixían, perseguen e inmobilizan. Pantallas que profanan o íntimo, sexo amortallado, arlequíns irónicos que moven as imperceptibles liñas do azar, existencia inestable como a velocidade, a présa, un lance de xogo nese mar limitado, atrapado, tamén el na cobiza da cartografía do ouro e os arames, golpe de dados contra o que naufragan as mensaxes extraviadas na perfidia da sorte e do abismo.
Pero é necesario atrapar os soños, expresalos para esconxurar o mal facéndoo visible. George Rodez, a través da súa pintura, proponnos buscar a protección das palabras, xogar con liberdade na mariola da vida e da morte, do ceo e da terra, da orixe e do destino.
É a súa unha pintura viva, intensa, con ritmo musical, como unha sintonía de abelorios. Luz e calor do Caribe onde o pintor vive, surrealismo expresionista con algo de grafitti, así son os seus cadros. Dos fíos invisibles que tecen o seu labirinto, pendura algunha dor de Frida. Hai no seu xogo de atrapar, desentrañar, representar, o que pertence ao outro lado das cousas, unha proposta inocente e incandescente, a proposta de quen cre que o soño, os soños, axudan a recoñecer mellor as ameazas e os perigos, a trazar un horizonte como destino, a vivir outras vidas, porque eles son utopía e a esperanza, tal vez humilde como a do tango de Gardel, pero esperanza ao cabo, a certeza de que non hai máis ceo que este existir diario que habitamos.

Francisco X. Fernández Naval