A METAVIÑETA

Manel Cráneo     David Rubín     Guitián     Alberto Vázquez

13 de agosto – 19 de setembro 2015
Inauguración: Xoves, 13 de agosto, 20:30

“Unha distendida conversa nunha empedrada rúa muradá foi a orixe da Metaviñeta. A idea era artellar unha exposición coa banda deseñada como protagonista. Nese intre aínda non tiñamos claro como facer a mostra, mais o que si queriamos era sumarnos ao tecido cultural da cidade hercúlea, que en agosto se converte nunha enorme viñeta. Posteriormente decidimos reflexionar sobre a banda deseñada como arte contemporánea, xa que nela atopamos o reflexo artístico da cultura posmoderna. Para isto apostamos por facer unha exposición colectiva de catro autores galegos con diferencias temáticas e estilísticas.

Na Metaviñeta, Alberto Vázquez, Guitián, David Rubín e Manel Cráneo aportan a súa persoal visión da banda deseñada dentro da rede xeral da arte. Por un lado Alberto Vázquez amósanos unha crudeza disfrazada de inocencia e expresada a través de doces e fráxiles persoaxes, mentres que Guitián da conta dunha enorme crítica social agochada en clave humorística. Manel Cráneo imprime maxia a través da creación de universos imaxinarios de calaveras e arquitecturas imposibles, mentres que David Rubín nos sitúa, con gran mestría, ante unha morea de mitoloxías actuais que mesturan ficción e honestidade. Todos e cada un deles son reflexo dunha versatilidade imaxinativa que se plasma na súa obra, a través da cal apreciaremos as múltiples formas de interpretar o mundo que ilustran as diferentes viñetas.

Consideramos que o discurso da banda deseñada ten un nivel creativo equiparable a outros vehículos artísticos culturais actuais, como poden ser a videoarte ou as series televisivas. Desde os anos 60 o cómic estivo no punto de vista da crítica artística, pero é nos últimos anos nos que está a vivir un evidente proceso de normalización. Hoxe podemos atopar cursos, publicacións académicas e exposicións en museos ou galerías desde os que se entende a banda deseñada como un produto artístico e cultural. O público espera a saída de certos cómics coma a dun libro de Zizeck ou a da derradeira serie de HBO.

A banda deseñada, no seu discurso, sabe captar a esencia do século XXI e leva impresas as características da posmodernidade. Hai artistas con moi distintas sensibilidades: uns buscan o puro entretemento e outros axitan conciencias con exercicios de grande profundidade, o que evidencia unha enorme pluralidade. Non podemos falar dunha estética nin dunha identidade común xa que os artistas son heterodoxos e diversificados, mais todos pertencen a un mesmo tempo e comparten con nós as súas habilidades discursivas.

Nas plurais viñetas se manifesta o fracaso da tradicional distinción entre arte popular e belas artes. Nelas celébrase dionisiacamente o híbrido, o mixto, o nomadismo, a deconstrución sen unha estética definida. Os artistas poden tomar elementos estilísticos do pasado e mesturalos con outros novidosos, existe a liberdade de transitar por calquera época e coller calquera referencia. Tanto valen as vanguardias, como a arte clásica, como os movementos populares. O gusto polo fragmentario tamén se reflicte no uso das técnicas, dende as máis tradicionais ás dixitais, que se reinterpretan subxectivamente.

Concluímos afirmando ao cómic como arte contemporánea: este tipo de arte que desafía as nosas máis arraigadas certezas e supera paradigmas propiciando o devir das artes. Temos que derribar o edificio dos prexuízos e entender a banda deseñada como unha manifestación artística por dereito propio que expresa artisticamente unha nova realidade cultural. Baixo este propósito, na Metaviñeta, empregamos a galería como espazo de visibilidade que funcione como ponte entre o espectador e o fascinante mundo da Banda Deseñada.”

Noelia Martínez Tajes
A Coruña, Agosto 2015

Sangre de Unicornio

Alberto Vázquez Frames originales del cortometraje Sangre de Unicornio (2013) Grafito y acuarela sobre papel Dimensiones variables

Purilyn

Guitián (2009) Impresión Giclee en papel de 300 gr. Tinta sobre papel 50x40cm. Publicado en el álbum Fito & Pita. Retranca

The Fiction #4

David Rubín (2015) Grafito sobre papel 21x30cm Página 13 Publicado en BOOM! Studios

The Fiction #4

David Rubín (2015) Tinta sobre papel 21x30cm Página 11 Publicado en BOOM! Studios

The Fiction #4

David Rubín (2015) Grafito 21x30cm Página 11 Publicado en BOOM! Studios

The Fiction #4

David Rubín (2015) Tinta sobre papel 36.5x26cm Páginas 02-03 Publicado en BOOM! Studios

The Fiction #4

David Rubín (2015) Grafito sobre papel 36.5x26cm Páginas 02-03 Publicado en BOOM! Studios

The Fiction #3

David Rubín (2015) Tinta sobre papel 36.5x26cm Páginas 20-21 Publicado en BOOM! Studios

Häarte

Manel Cráneo (2015) Impresión gicleé sobre papel Portrait White de 300gr. Edición 50 ejemplares. 50x50cm.  

Where is my wine?

Guitián (2015) Impresión gicleé sobre papel Portrait White de 300gr. Edición 50 ejemplares. 50x50cm.

Die Antwoord Tribute

David Rubín (2015) Impresión gicleé sobre papel Portrait White de 300gr. Edición 50 ejemplares. 50x50cm

Decorado

,

Alberto Vázquez (2015) Impresión gicleé sobre papel Portrait White de 300gr. Edición 50 ejemplares. 50x50cm.

Manel Cráneo

Debuxante, ilustrador, escritor e músico cunha ampla actividade desde mediados dos anos noventa, cando promoveu fanzines como Nicasso, Ovo, Craneografía, Os rústicos da guadaña ou Craneofilia entre moitos outros.

Participou nas dúas etapas da revista para nenos Golfiño realizando a serie A fraga Milmañas, con guión de Carlos Amil. Traballos seus viron a luz en cabeceiras colectivas como “BD Banda”, “Barsowia” e “Subterfuge”.  Colaborou con multitude de axencias de publicidade e produtoras de audiovisual durante case duas décadas, realizando traballos de ilustración publicitaria, guións para spots publicitarios, deseño de mascotas, imaxe de produto, etc.

Ademais dunha longa experiencia en cartelismo para compañías de teatro, foi o responsable dos story-board das películas O lapis do carpinteiro, (2002) e Hotel Tívoli (2007) de Antón Reixa,  e de curtametraxes como A ti como se che di adeus (1999) de Jorge Coira.

Ilustrou libros de texto, infantís e novela xuvenil para editoriais como Richmond Publishing, Ousborne, Edicións Xerais, Galaxy, Everest, Santillana e El Arca de papel Editores entre outros. Tamén colaborou como autor de banda deseñada, ilustrador e humorista gráfico para revistas como Caña, GPS, Boletín Galego de Literatura, CLIJ, Viralatas e outras.

Promotor do Colectivo Chapapote, en resposta á catástrofe do Prestige, coa participación de decenas de ilustradores internacionais nos anos 2003-2005. Entre 2003 e 2008 foi Presidente da Asociación Galega de Ilustradores Profesionais (AGPI), levando á práctica a súa refundación. Foi tamén Vicepresidente de FADIP (Federación de Asociaciones Profesionales de Ilustradores) entre 2005 e 2007. Fundador, editor e director xerente en activo desde 2008 de Demo Editorial, especializada en cómic en galego. Fundador e xerente en activo desde 2010 da empresa de xestión cultural CR4, e creador da marca comercial Planeta Mincha, especializada en entretemento e merchandising.

Gañador de múltiples premios ó longo da súa carreira, foi Primeiro Premio no Concurso Nacional de Cómic coa obra Requiem (1998). No ano 2010, consegue a mellor puntuación na concesión de becas para desenrolo de cómic da Consellería de Cultura e Turismo, Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos pola súa novela gráfica Destino Hërgüss. No ano 2011 recibe o Premio Ourense de Banda Deseñada (Xunta de Galicia) á mellor iniciativa de Cómic en Galicia pola súa empresa Demo Editorial.

Bibliografía seleccionada:

  • Destino hërgüss (Demo Editorial, 2015).
  • A fraga milmañas (Demo Editorial, 2014).
  • A torre dos mouros (Demo Editorial, 2013).
  • Cousas de mortos (Demo Editorial, 2012).
  • Os lobos de moeche (Demo Editorial, 2009).
  • Os áridos (Asociación Galega de Áridos. Xunta de Galicia, 2008)
  • Dámsmitt (Dibbuks, 2006).

Alberto Guitián (Lugo 1974)

Estudou Belas Artes en Pontevedra, onde comezou a publicar en fanzines e revistas. En Barcelona iniciou a súa andaina como freelance ilustrando campañas publicitarias, libros e carteis. Ten participado en proxectos galegos de BD (Barsowia, BD Banda, H2Oil) ou en antoloxías como Autsaider Minicomics, BlackPulpBox e Mortland. Colaborador en revistas de humor como El Jueves, Mister K ou Retranca. Participou como artista de fondos na longametraxe de animación Chico & Rita, nomeada aos Oscars no ano 2012. Actualmente traballa en proxectos de ilustración, grafismo para artes escénicas e deseño de produto.

Bibliografía seleccionada:

  • Sólo Tinta (Polaqia, 2012).
  • El Circo Lorza (Dibbuks, 2011).
  • Petaco (Diábolo, 2010, edición en francés no 2013).
  • Fito & Pita (Retranca, 2009).

David Rubín (Ourense, 1977)

Codirector de animación, escritor e debuxante responsable de publicar títulos tan importantes dentro do cómic nacional como La Tetería del oso malayo, os dous tomos de El héroe ou Beowulf. Os seus libros foron publicados en países como Italia, Francia, Checoslovaquia e Estados Unidos.

Codirixiu filmes de animación como O espíritu do bosque (Juan Carlos Pena, David Rubín, 2008) e foi o fundador do Colectivo Polaquia.

No salón do cómic de Barcelona estivo nomimado en varias ocasións a premios como autor revelación,  mellor obra, guión e debuxo. Con La tetería del oso malayo consegue o premio a mellor autor revelación, e con Beowulf gaña o premio da crítica a mellor debuxante nacional. O seu último traballo como debuxante e co-creador,  xunto ó escritor Curt Pie, e o cómic The fiction.

Bibliografía seleccionada:

  • Colaboración en la serie Battling boy: the rise of aurora west (Debolsillo, 2014).
  • Las tripas del héroe (Ninth ediciones, 2013).
  • Beowulf (Astiberri, 2013).
  • El héroe II (Astiberri, 2012).
  • El héroe I (Astiberri, 2011).
  • Uxía Novoneyra: A voz herdada (Xunta de Galicia, 2010).
  • Recopilación de relatos protagonizados por Solomon Kane (Astiberri, 2010).
  • Adaptaciones de romeo y julieta y del monte de las ánimas (SM, 2008-2009).
  • Cuaderno de tormentas. Crónica de los deambulares por ciudad espanto (Planeta Agostini, 2008).
  • La tetería del oso malayo (Astiberri, 2006).
  • El circo del desaliento (Astiberri, 2005).

Alberto Vázquez (A Coruña, 1980)

Director de animación, ilustrador e debuxante . Os seus libros foron publicados en países como España, Francia, Italia, Brasil e Corea. Como ilustrador de prensa publicou regularmente en revistas como El País, La Voz de Galicia, Vanity Fair, Communication Arts ou Boston Globe Magazine.

Escribiu e dirixiu curtametraxes de animación como Birdboy e Sangue de Unicornio. Os seus traballos foron nominados en dúas ocasións para os Premios Goya, conseguindo o Goya á mellor curta de animación en 2012. Gañou máis de 60 premios internacionais en eventos como o Festival de Chicago, Foyle (nomeado para os Oscars ), ou Expotoon prata Méliès . Os seus traballos foron expostos en prestixiosos festivais en todo o mundo como Annecy, Clermond – Ferrand, Animafest Zagreb ou Slamdance . Está actualmente en post- produción da súa primeira longametraxe de animación, Psiconautas.

Bibliografía seleccionada:

  • Feliz feroz (Anaya ediciones, 2015).
  • La sombra de Innsmouth (Astiberri, 2011).
  • Poe (Libros del zorro rojo, 2009).
  • Hop Frog (Oqo Editorial, 2008).
  • El evangelio de Judas (Astiberri, 2008).
  • Psiconautas (Astiberri, 2006).
  • Freda (Edicións de Ponent, 2002).
  • Alter Ego (Polaqia, 2002).

Cine:

  • Psiconautas (2015). Largometraje.
  • Sangre de unicornio (2013). Cortometraje.
  • Ramiro, sucia rata (2012). Cortometraje.
  • Birdboy (2011). Cortometraje.